Tras o inicio da tempada o pasado 13 de abril, e despois de moitas dúbidas por mor dos partes meteorolóxicos, celebrouse a segunda proba da liga de primavera en Ribeira, onde a previsión non era moi amigable, nubes oscuras, vento do norte, a Curota facendo das súas, algunha choiva, ventos refacheiros… e a navegar!
Nesta ocasión o percorrido sería: Saída / Desmarque a Coroso / Airoa / Camouco / Chegada en Coroso.
Con vento de compoñente norte e cunha línea de saída perfectamente colocada por Adelino, non había ningún lado que estivese claramente beneficiado (nótase a experiencia da organización), polo que varias dornas escolleron o lado do “barco” e outras pola boia. Dende a liña de saída habería que bolinar e facer unha ou dúas viradas antes de tomar a boia de desmarque e poñer rumbo á Airoa.
Na saída houbo moitos cruces, moitos refachos, e as dornas amuradas a estribor fixeron que as que non levaban preferencia manobrasen para evitar colisión, entre elas a Zoa, gran favorita, sempre que Charly e Carlos aparecen no campo de regatas sábese que a victoria non será sinxela. No bordo hacia a boia de desmarque volcaría o AbueloTucho que tras achicar coma se non houbera un mañá baleirou a auga e reincorporouse á regata. A Selosa con Ramón e Fran, que viñan da facer un terceiro posto, non deron opcións a ninguén, tomaron primeros a boia de desmarque, e así continuaron ata o final da regata.
Papoula, outra embarcación con tripulantes moi experimentados, Carlos e Jorge, demostraron tamén na primeira proba que estarían arriba, e así foi, nesta ocasión cunha segunda posición moi merecida.
O bordo de baixada hacia a baliza do Airoa sería co vento de popa, vara de portar, e velocidades de infarto, comentan na ría que algunha dorna levaba winston de batea cando superaba o 35 nós de velocidade, pero unha pequena encalmada apretou a clasificación e Xaimiña, Zoa e Cortegada ensináronlle os dentes á tripulación da Illa de Arousa que se escapaba en primeira posición.
O bordo hacia o Camouco, de novo a rumbo directo, sen necesidade de manobras, foi de novo moi rápido, e Teis, outra dorna das coñecidas en Ribeira pola súa constancia e coñecemento da ría, Victor e Brus, non perdoaron e loitaban con tódolos galos da frota. Atrás iban a Caranceira e Fiuza.
Pero a decisión táctica mais importante sería no bordo Camouco-Chegada, bolinando a rabiar. A Selosa decideu virar e poñer rumbo a Ribeira, pero a experiencia da Zoa que remontaba posicións valeulle para colocarse primeiros a altura da Illa dos Ratos, pero un contratempo técnico faríalle perder varias posición que non perdoaron Papoula e Xaimiña para subir o podium desta segunda proba. Cerrarían a frota Lixeiriña, Moura (tripulada por Marcos de Ribeira e Eduardo do CMS de Cambados) e AbueloTucho.
A clasificación foi a seguinte:
- 1. SELOSA
- 2. PAPOULA
- 3. XAIMIÑA
- 4. CORTEGADA
- 5. ZOA
- 6. TEIS
- 7. CARANCEIRA
- 8. FIUZA
- 9. LIXEIRIÑA
- 10. MOURA
- 11. ABUELOTUCHO
A SEGUINTE PROBA SERÁ O VINDEIRO SÁBADO 11 DE MAIO ONDE SELOSA, PAPOULA E XAIMIÑA POSTULARÁNSE COMO SERIOS ASPIRANTES PARA LEVARSE O TROFEO EN FUNCIÓN DO RESULTADO, AÍNDA SEN OLVIDAR QUE INDA PODE PASAR DE TODO.
Deixa unha resposta