26 ao 28 de xullo de 2024
Para a cita da vila do Morrazo, o CMS desprazou por mar a dorna de tope A muller de Balboas, e por terra a gamela Descalsiña. Foi unha formidable fin de semana de navegación en compañía doutros barcos pertencentes a asociacións chegadas dende a ría de Vigo (Moaña), Pontevedra (Combarro, Marín e Portonovo), de Muros (Outes) e Arousa (O Grove e Cambados). Alí fomos recibidos polas fermosas embarcacións da entidade organizadora, Os Galos de Bueu, que coma sempre, fixéronnos sentir coma en casa. Inmellorables anfitrións — sempre atentos a que todo aconteza da mellor maneira posible—, dispensaron a todos os presentes unha atención puntual, eficiente e amigable a un tempo. Unha marabilla navegar no medio de tantas tipoloxías representativas da diversidade das embarcacións tradicionais galegas: galeóns, botes (polbeiros e xeiteiros), traiñeiras, dornas (de tope, de escarva, mecas…), bucetas, gamelas, choupáns… Na lembranza das navegacións deste encontro, quedámonos con esa variada estampa de distintos tipos de velas: latinas, místicas, de relinga, cangrexas…, un festival de panos movéndose polo mar mexidos polo vento maino que nos acompañou durante toda a fin de semana.
Xa en terra, foi un pracer compartir mesa e conversa con tanta xente que mantén viva a cultura marítima. Todo elo degustando unha fenomenal sardiñada ou as ricas empanadas de Bueu. Un programa con fermosos e interesantes concertos, conferencias, presentacións (nº 8 da revista Os Galos), obradoiros ou exposicións arredor da cultura marítima, que completaron un atractivo e interesante programa de actividades durante toda a semana na vila de Bueu.
Por todo, moitas grazas aos Galos e á vila de Bueu.
Deixa unha resposta