Táboa de contidos da publicación
O evento
17 de agosto de 2024, día de xúbilo en Cambados para o deporte e a vela tradicional. O Clube Mariño Salnés organiza un gran evento cunha xornada de mañá dedicada á regata de remos, sardiñada e pinchos varios ao mediodía, continuando pola tarde ca regata de vela e rematando cun segundo convite con callos na Cultural. Loxicamente, sendo a Regata do Albariño, non fai falla dicir cales foron os produtos de hidratación, ¿verdade?
Durante as probas acompañaron tamén ás dornas outras embarcacións de diferentes asociacións, polo que é importante mencionar e agradecer a presencia dos compañeiros de Rompetimóns, que acudiron ó evento a amosarnos o seu bote de vela latina co nome homónimo ó seu pobo, O Carril.
Crónica: Regata de dornas a remos
Tendo en conta a gran participación, con 7 dornas chegadas de diferentes partes da ría (houbo algunha baixa de última hora por causa maior), todas con ganas de levar o trofeo a súa casa, organizouse unha serie de contra o reloxo clasificatorios para a gran final.
A primeira quenda formouse coa Pindirucha, AbueloTucho, Gallofeira e Mar de Alexandra. A segunda quenda: Julicheira, Toxiña e Última.
As tres dornas clasificadas para a final foron a Gallofeira, dorna de Ribeira con Alejandro como patrón e seu pai Manuel como tripulante, que chegaron pisando moi forte e amosaron unha gran pericia bogando; a AbueloTucho, onde Álvaro e Anxo xuntábanse para intentar dar a sorpresa; e a Pindirucha, con Santi, patrón omnipresente alá onde haxa evento dorneiro, e Hernán, chegando dende a Patagonia como membro moi activo no CMS.
A diferencia das regatas clasificatorias a contra o reloxo, habería que suar tinta na final xa que o percorrido sería de ida e volta, polo que unha boa xestión do esforzo sería clave.
As tres dornas, cos ánimos dos xiareiros dende terra, ían moi igualadas, tocando incluso os remos entre sí, con miradas de “ti espera o chegar a terra…”. No bordo de ida dende a Torre á entrada das Goritas podíase escoller para virar entre unha boia e a lancha xurado. Gallofeira e AbueloTucho indo á par, escolleron diferentes puntos de virada, coa Pindirucha perseguindo a poucos metros.
Xa no bordo de volta, notábase coma a forza nos brazos xa non era a mesma, e algún xa estaba arrepentido de non meterlle algunha galleta ou rosca mais ó ColaCao do almorzo.
Finalmente, na chegada, despois de analizar o VAR, determinouse que a campeona sería o AbueloTucho xa que a Gallofeira entraba moi xusta, case á par, perseguidas ambas pola Pindirucha que entraría a poucos segundos.
Crónica: Regata de dornas a Vela
A asistencia para a regata de vela sería maior, neste caso 24 dornas foron as participantes, chegadas de tódalas partes da Ría de Arousa e con diferntes embarcacións tradicionais acompañando no circuito entre a Torre, Ourido e Goritas. Dar as gracias en concreto a Rompetimóns de Carril por amosarnos a beleza das suas velas en augas cambadesas.
Pouco a pouco a frota xuntábase a carón da Torre de Santomé onde as tripulacións podían escoitar ó público ubicado tanto na Torre, coma no malecón, ou no porto.
Cun vento de 12-14 nós do Noroeste sonaría o bocinazo de saída ás 16:30, onde toda a frota púxose a bolinar ó máximo para facer as bordadas necesarias rumbo á boia do Ourido.
Regata de moito nivel, onde apareceron grandes embarcacións e tripulacións como a Fuxe con Parada de patrón (faltaba Brais, pero inda así pelexou forte) actualmente liderando á Copa Morling, a Zoa con Charlie e Carlos, de Lajareu por Barlovento, Ribeira (dorna que sempre que aparece no mar e iza a vela, sábese que toda esa experiencia non llo pai poñer sinxelo a ninguén. Unha honra para Cambados recibir a un patrón mítico na Ría de Arousa, con moitas victorias pola popa) ou a Selosa de Fran e Ramón, que están a facer unha gran tempada. Tamén dornas recén reformadas da Illa de Arousa (Josefa) con tripulacións moi experimentadas coma Braulio e Cartarola, ou a Noelia, outra dorna da Illa de Arousa tamén con Lino e Ángel, compañeiros moi ben compenetrados que sempre están ahí. E para un día con vento fresco coma o de hoxe, todo o mundo miraba para a Zenaida, que cun patrón experimentado coma Paio sabíase que tamén “apretaría” para non regalar ningunha posición.
Coma era sabido, xa na saída querían escaparse Josefa, Selosa, Zoa e Fuxe con patróns moi expertos en facer boas saídas, pero Zenaida co AbueloTucho e a Noelia non o permitirían. Lixeiriña e Sikamontes coa Fanequeira e Marijuana avanzaban mentras a Gallofeira non paraba de remontar postos. Delia e Jeny, dorna mítica nas regatas (que si os trofeos se entregasen por millas percorridas, sería imbatible, xa que chegaba dende San Vicente navegando, collendo néboas e encalmadas, pero aquí estaba en Cambados competindo.
Cunha moi boa bolina do AbueloTucho, acadaría dobrar primeiro o Ourido, seguido da Josefa e a Selosa, durante este bordo a Zenaida remontaría varios postos e a piques estivo de de adiantar á Noelia. Pindirucha, con Santi e Lucía facían unha moi boa bolina pero as condicións de vento eran intensas para controlar ás escoradas e facían un gran papel, con todo, Orixes e Enanita á acompañaban como bos compañeiros.
Pero repetimos, cando nunha regata de dornas a vela aparece tanto “galo”, tanta experiencia, e coas tripulacións con ganas de levarse o trofeo da XIII Edición da Regata do Albariño, a victoría hai que traballala intensamente xa que ningún patrón ía lascar escota, polo que foron constantes os adiantamentos. A Zoa colocaríase na cuarta posición meténdolle proa á Selosa, pero no momento que Ramón saca os apuntes e os pon en práctica: non sabemos a que botón lle da e aumenta medio nó da manga, polo que se escapou con Fran dereito á Josefa, mentras esta tamén adiantaba ó AbueloTucho para liderar a regata.
Na boia da Torre o público animaba ás dornas da casa, en concreto na segunda volta ó AbueloTucho, que con ese apoio mais unha manobra de nivel Copa América de vela por parte dun tripulante con callos na man coma Iván, recuperou de novo a primeira posición, pero asemella que dito apoio foi tamén para a Selosa, embarcación que xa nos ten afeitos a remontadas de libro e colocouse na segunda posición, polo que se dou un intenso e divertido baile de posicións entre as tres primeiras dornas.
A Gallofeira, que seguía remontando postos, parece que botaba de menos á outra dorna de Ribeira, a Zoa, pero non conseguía collela, o final quedaría en oitava posición. Magnífica regata para unha nova dorna que se colaría no top10 chegando preto da mismísima Fuxe. Probablemente no futuro se escoitará falar moito desta dorna con Alejandro e Manuel, pouca dúbida hai.
Sikamontes con Bruno e Anxo, este último que chegaba motivado tras gañar a regata de remos, escoitando os ánimos do público, dorna tamén da casa, adiantaba á Marijuna e xa de paso tamén a Fanequeira; si lles deixan facer outra volta mais non se sabe que posto acadarían. Outra das dornas cambadesas, Julicheira, despois de sacar a calculadora dixo: “espera que si quedamos en posición 13 na XIII Regata do Albariño, levamos trofeo”, así que sen contalo aumentou moito a presión coa Delia e Jeny, pero non cedeu o posto, e outro trofeo que se queda na casa.
Finalmente, despois do gran papel que fixo a Noelia, no puido adiantar á Zoa, polo que pecharía o top5 da clasificación, seguidas pola Zenaida que a piques estivo de remontar outro posto.
Diferentes motivos houbo para que unha serie de dornas que non remataran o percorrido: Última, Enanita, Uxoa, Antuchiño, Toxina e Oliña.
Deixa unha resposta