Como cada ano, a frota tradicional despídese das regatas, das sas regueifas entre compañeiros e deses cánticos comúns (“o mar é noso!”) na regata do Marisco, evento xa en outono, pero nesta ocasión cun día propio do mellor dos veráns.

Por mor das mareas celebrouse pola mañá, pero ninguén quixo faltar a esa cita e os espertadores soaron un pouco máis cedo do normal a golpe de sábado, algúns foron por terra e outros por mar.

Abuelo Tucho, Última, Peregrina e Juilcheira de remolque ó Grove

Tras recibir as indicacións da organización, o percorrido sería un triángulo adaptado ás condicións meteorolóxicas, de curta distancia, e facendo cánticos ás meigas para que soprase algo de vento, e así foi! as embarcacións despois do bocinazo de saída, tras botar un “sprint” infernal (algún case infarta polo camiño de tanta velocidade), e de empurrar coa vara de portar no fondo para avanzar (estaba permitido), izaron vela e conseguiron navegar ben xuntiñas ata a primeira boia situada fronte a praia.

Como é normal, e por non perder esa tradición de darse agarimosos aloumiños entre dornas volvéronse a escoitar algún que outro “contacto” sen maldade na chegada da primeira boia.

Tocaría bolinar ata a segunda boia, nesta manga a Jalerna marcou a diferenza e collería a cabeza sen permitir que ningunha dorna lle asomase a proa, soamente a Fuxe, dorna que xogaba na casa, parecía que ía loitar polos primeiros postos.

Virada xa a segunda boia, as dornas metían vara de portar e dirixíanse rumbo á meta nunha empopada onde pouco a pouco o venta caía, para acabar morrendo, motivo polo cal foron moitas as dornas que non acadaron rematar a proba.

Como cada ano, só se pode agradecer o traballo pola asociación grovense organizando este tipo de eventos, que ao longo do verán son varias as datas no almanaque que os dorneiros marcan con moita antelación para asistir e poñer en valor a cultura marítimo tradicional galega.

O estrado conformárono as seguintes embarcacións:

1. Jalerna (Ricardo / Cartarola)

2. AbueloTucho (Álvaro / Javier / Laura)

3. Fuxe (Parada / Hixinio)

In:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *