Esta publicación foi realizada para a Web do CMS con motivo da cesión permanente da embarcación por parte do seu último armador, Fernando Pombo Rodríguez, a favor da asociación Vela Tradicional Cambados. A Fernando Pombo e a toda a familia de Tito Silva, moitas grazas.

Un pouco de historia. A Orixe: Dous Cuñados

Esta senlleira embarcación de Cambados, ten a particularidade de ser a última dorna de tope1 en activo das que se construíron e dedicaron á pesca contando coa vela como único medio de propulsión. Foi feita no lugar do Chazo en Cabo da Cruz2 por encargo dos armadores cambadeses Xoaquín Vieites «O Chimpún» e Avelino Rial «Tumbalobos», os cales, polo feito de seren cuñados, bautizárona co nome de Dous Cuñados.

Antigo porto de Cambados. Década dos 40 do século pasado.
Antigo porto de Cambados. Década dos 40 do século pasado.
José Bellver Álvarez (1896-1968)
Construción dunha dorna de tope no Borrón. San Tomé.
De costas e sentado, o mestre calafate Avelino Suárez « O Freixán».
Construción dunha dorna de tope no Borrón. San Tomé.
De costas e sentado, o mestre calafate Avelino Suárez «O Freixán».

Ruth Matilda Anderson (1892-1983)

Aínda que non saibamos certamente o ano de construción, si podemos establecer que foi anterior aos anos 50 do século pasado, e moi posiblemente arredor de 1945. Así o testemuña por exemplo Edesio Padín, mariñeiro de Cambados enrolado na dorna naquel tempo: «eu andei nese barco ás vieiras (ao arrastre) cando cumprín 19 anos, daquela era o ano 1952 e esa dorna xa levaba uns cantos anos en Cambados».

Dorna de Tope navegando fronte a Cambados, preto dos cons As Mós de Fóra. Ano: 1902.
Dorna de Tope navegando fronte a Cambados, preto dos cons As Mós de Fóra. Ano: 1902.
Postal editada pola imprenta madrileña Hauser y Menet.

A Dous Cuñados poderiamos dicir que foi unha dorna tardía, e seguramente das últimas construídas para a pesca propulsadas unicamente a vela e en todo caso, a única que se conserva desa época. Isto nótase claramente na quilla pronunciada e nas «táboas de par da quilla», das que carecen as dornas posteriores feitas a partir de finais da década dos 50. A partir da segunda metade do século pasado, todas as dornas de tope experimentaron unha transformación estrutural para poder asentar os motores no seu interior, eliminando as primeiras táboas pegadas á quilla. Deste xeito aumentábase tamén a manga do barco cunhas cadernas máis redondas para xerar máis espazo útil en detrimento dunha quilla pronunciada —menor puntal— , innecesaria para a navegación a motor.

Do esquecemento ao rescate: Tito Silva

A Airexa preto do espigón de Tragobe. Cambados anos 90
A Airexa preto do espigón de Tragobe. Cambados anos 90.

A dorna, inicialmente construída para andar á vieira en arrastre a vela, cambiou varias veces de armadores e tamén de oficio, dedicándose ao xeito, ao chinchorro ou á rapeta antes de cesar a actividade de maneira definitiva. Se cadra, o feito de ser unha dorna serodia —construída para a pesca con vela—, propiciou que o seu último armador en activo, o «Rianxeiro», a retirase do mar prematuramente ante a dificultade para asentarlle un motor intraborda polas características construtivas descritas anteriormente.

Tito Silva, instantes antes de embarcar na Airexa. Peirao de Cambados, anos 80.
Tito Silva, instantes antes de embarcar na Airexa. Peirao de Cambados, anos 80.

A embarcación ficou abandonada durante anos na zona de Cambados coñecida como O Borrón —preto de San Tomé— até que Tito Silva, un comercial cambadés seareiro da navegación tradicional, a rescatou de ser soterrada polo recheo marítimo que se realizou nesa zona da vila a finais dos anos 60. Algunhas testemuñas din que foi adquirida por un paquete de cigarros Celtas, o que dá idea do escaso valor que tiñan as embarcacións tradicionais naquela época, a maioría esquecidas na ribeira, afundidas ou cos esqueletos podrecendo na lama.

Dornas varadas no Borrón.
Dornas varadas no Borrón.
Jose Bellver Álvarez

A dorna Dous Cuñados tería mellor sorte ao ser indultada por Tito Silva para uso de lecer e recreativo ao abeiro dunha nova conciencia que empezaba a xerarse en distintos portos galegos a prol da navegación tradicional e a conservación das distintas tipoloxías de embarcacións tradicionais. Para esta nova singradura, que se mantén vizosa a día de hoxe, a dorna é renomeada polo seu novo valedor co nome de Airexa.

Para adaptar a dorna a este novo tempo, Tito Silva contou coa axuda de xente de Cambados, como o caso de Joaquín López «da Cabana», mariño mercante de profesión e maquetista naval afeccionado, que realizou os cálculos para a transformación do primixenio aparello de vela relinga a unha nova arboradura en vela cangrexa, ao obxecto de facilitar as manobras polo seu sinxelo manexo e en todo caso, dotar á dorna dun aparello máis acorde co seu novo uso.

A dorna con aparello de vela cangrexa (maior) e foque. Ano 1982. Posteriormente engadiríaselle un botalón na proa para albergar unha trinqueta.

Durante a etapa de Tito Silva como armador da Airexa, foi constante a súa presenza en eventos de cultura marítima, sendo unha das embarcacións que participou no I Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrado na vila de Ribeira no ano 1993 así como noutras concentracións e eventos de cultura marítima organizados tanto na ría de Arousa como nas rías veciñas de Pontevedra, Vigo ou Muros.

A Airexa a carón da Lancha Poveira, Fé Em Deus. Encontro de EETT de Galicia. Ribeira 1993. A bordo: Dionisio Pereira e Xosé Pérez «de Corbillón».
A Airexa a carón da dorna Meca do Grove nunha xuntanza de EETT. Bueu, 1993.
A bordo: Evaristo Piñeiro.

Unha nova vida: A Airexa

A partir da segunda metade da década dos 90, o cambadés Fernando Pombo Rodríguez será quen se converta no seu novo armador por herdanza familiar tras o falecemento do seu tío Tito Silva. Durante todo este tempo —case tres décadas—, Pombo conservou a dorna e navegou nela con innumerables persoas que se aproximaron así por primeira vez ao mundo das embarcacións tradicionais na vila cambadesa.

Fernando Pombo a bordo da Airexa. Escola de Vela Tradicional. Cambados 2018.

Despois virían as regatas de barcos de vela cangrexa, encontros en distintas vilas de Galicia e a participación en todas as edicións da Escola de Vela Tradicional de Cambados organizadas na vila en colaboración coas entidades de cultura marítima, como o Clube Mariño Salnés ou a asociación Vela Tradicional Cambados.

Regata de embarcacións de vela cangrexa. Boiro, 2016.
Lino Prieto
A Airexa a carón da dorna Irmandiña. Regata Illas Atlánticas. Náutico de San Vicente, O Grove, 2014.
Lino Prieto
A Airexa en primeiro plano fronte ao polígono de bateas. Escola de Vela Tradicional. Cambados, 2017.
VIII Encontro de EETT de Galicia. Cambados, 2005.
Lino Prieto

A popularidade da dorna é tal, que a familia de Tito Silva, con Fernando Pombo á cabeza, empezou a organizar a partir do ano 2010 o Memorial Tito Silva, un encontro de Embarcacións Clásicas e Tradicionais ao que asisten numerosas embarcacións dos portos veciños que se achegan puntualmente ao reclamo da chamada da Airexa para renderlle homenaxe. Logo dunha ducia de edicións celebradas consecutivamente, o Memorial Tito Silva viuse na necesidade de interromper a súa celebración por mor do estado da propia dorna, xa moi deteriorada polo paso do tempo.

A Airexa saíndo de porto. I Memorial Tito Silva. Cambados, 2010.
Quico Álvarez
A Airexa acompañada doutras embarcacións tradicionais. VII Memorial Tito Silva. Cambados, 2018.

A nova singradura: un patrimonio colectivo.

A Airexa navegando coa Julicheira por babor. X Memorial Tito Silva Cambados, 2021.
Rubén González

Na actualidade a dorna pertence á asociación cultural e deportiva Vela Tradicional Cambados tras ser doada en febreiro de 2024 polo seu propietario Fernando Pombo. Se ben, a partir 2023 iniciouse un proceso integral de restauración da embarcación para garantirlle un futuro esperanzador para as vindeiras xeracións, así como a preservación dun elemento de gran valor representativo da tipoloxía das dornas de tope galegas e das embarcacións da pesca artesanal anteriores á metade do século XX.

Vista interior da tilla da Airexa. Estaleiros Garrido. O Grove 2024. Santiago Fernández

Texto e montaxe: Xoaquín Exidio López Cuíñas (marzo, 2024)
(Datos extraídos do arquivo documental do autor).

Revisión ortográfica: Fernando Pazos.

Maquetación e publicación na web: Javier Lorenzo

Outras imaxes, arquivos documentais de:
Dionisio Pereira, Quico Álvarez, Xoán A. Pillado Silvoso, Clube Mariño Salnés, Vela Tradicional
Cambados, Confraría San Antonio de Cambados, Fernando Pombo e familia Tito Silva.

  1. Dorna de Tope. Tipoloxía de embarcación tradicional galega que se caracteriza pola construción do
    forro exterior cos bances «a tope» ou a pano un con outro, a diferenza das dornas de escarva (ou
    calime) que levan as táboas do forro superpostas («tingladillo»). ↩︎
  2. Localidade marítima da ría de Arousa, situada na parroquia de Castro, concello de Boiro. ↩︎

Galería de imaxes.


Airexa: Ficha técnica

Aparello/propulsión: Remo e vela maior de cangrexa, foque e trinqueta.

  • Tipoloxía

    Dorna de tope

  • Porto base

    Cambados

  • Armador

    Vela Tradicional Cambados

  • Eslora

    7,20m

  • Manga

    2,55m

  • Puntal

    0,96m

Unha resposta a “A Airexa, a última dorna da súa especie”

  1. Avatar de Cándido Xesús Meixide Figueiras

    Fantástico artigo!!
    Longa vida a AIREXA!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *