Despois dun longo e chuvioso inverno preparando as dornas para a nova tempada, este ano comenzámola un chisco antes do previsto co gallo do XI encontro de embarcaçois tradicionais de Vila do Conde, organizada pola Asociación de ex-Marinheiros da Armada e promovido polo Centro de Artes Náuticas (Cdan) de Vila do Conde, o 12 e 13 de Abril.

Xa había ganas de que unha expedición do Clube Mariño Salnés volvera a navegar por augas portuguesas, así que alá fomos, ca dorna Última e a súa exposición da restauración, para a IX Mostra de embarcaçois tracicionais no cais da Alfandega e a dorna Pindirucha, para a navegación na Foz do largo da Alfandega, na
desembocadura do río Ave.

O tempo solleiro e con suaves ventos foi a sorpresa da fin de semana, que mesmo semellaba estar en pleno mes de agosto, que ata propia organización se viu sorprendida porque comentaban que esa era terra de fortes ventos do norte como tónica habitual.

A xornada do sábado comezou ca botadura (ou mais ben voadura) das embarcacións, a carón da Nao Quinhentista, que tamén estaba a ser restaurada.

Xa con todo listo compartimos unha primeira navegación co Langaño (asociación cultural Terra de Outes), a Fuxe e a Irmandiña (amigos da dorna Meca), Mar de Muros (Asociación Mar de Muros), Lagoas (Os Galos de Bueu), Reina (de Os Pataxeitos ACM), e Minxos (Asoc. Piueiro) como expedición de Culturmar, xunto cun pequeno Moliçeiro (Associaçao dos Amigos da Ria e do Barco Moliçeiro), e a Catraia de Vila do conde.

Pola noite tivo lugar o novedoso desfile luminoso, acompañado por un grupo de gaitas do país. O que máis e o que menos aproveitou para desmontar a árbore de nadal, pero a verdade é que a iniciativa quedou ben vistosa, xa que foron moitas as persoas que se achegaron ó paseo marítimo para desfrutar do evento. O barco que si estaba sendo máis fiel ó propósito era o pequeno moliçeiro, xa que dispón dun mastro pero non é para levar vela, senón que no alto levaba unha luz para a pesca furtiva ó facho.

O domingo tivemos ocasión de admirar con calma as demáis embarcacións de Vila do Conde da Exposición en terra, que xunto ca dorna Última e o volanteiro Sta.Maria dos Anjos, de Esposende, formaban esa mostra.

Esa misma tarde celebrouse a primeira regata do evento, que pola falta de vento, a organización decidíu acurtar o percorrido e facela mixta, é dicir, tanto se podia usar vela, como remos, ou só a remos, a decisión do patrón, dende o pantalán ata a escultura da “rendilheira” (unha palilleira, xa que nesa vila tamén e tradicional o encaixe de bolillos), río arriba ca corrente en contra que dificultaba un pouco máis chegar á meta.
Nada máis dar o bocinazo de saída, as dúas dornas cas primeiras bogadas xa lle sacaron unha pequena distancia ó resto de embarcacións, poñendo de manifesto que esa tipoloxía e bastante mais lixeira e rápida que outras con incluso catro remeiros.
Así foi como os primeiros clasificados foron os da dorna Fuxe, cos irmáns Parada, cadanseu remo, os segundos a Pindirucha, con Santi ós remos, e Lucía ó temón, e para o terceiro posto houbo que mirar a foto finish entre o Langaño e o Mar de Muros, que finalmente determinou que os da Terra de Outes gañaran o bronce por media proa.

Namentres dounos tempo de ir a tomar o vermut a unha taberna ultramarinos, onde tratándolle de explicar ó taberneiro que queriamos pedir, definindo que era como un viño doce, un cliente da barra ensinando a sua copa exclamoulle… quizais queren un moscatel!, que vese que alí é típico tomalo misturado con cervexa, e como “a donde fueres haz lo que vieres”, podemos decir que estaba muito bom!
Xusto cando nos preguntaban se viñeramos polo encontro dos barcos entrou un home a mercar pan, e o compañeiro de bebida xa lle espetou… este si que estivo no mar toda a vida! Comenzamos con el unha charla do máis enriquecedora (ata onde puidemos entender co noso portugues nivel usuario).

O home contounos que el traballara no mar dende os 10 anos ata os 66 que se xubilou (nos anos finais xa na mercante e nos barcos que van as prataformas petroliferas), pero de xoven que estivo na frota bacaladera moitos anos, traballando nos Doris. Daquela, cando nós tiñamos aquí a Paquito, eles alá tiñan a Salazar, asique ou ibas ás guerras das colonias africanas, ou ibas a pescar bacalhau; non había mais opción. Nas augas de Terranova, pescando durante longas xornadas, porque practicamente había luz solar casi todo o tempo, con icebergs perto deles máis grandes que o convento de Santa Clara, no Doris iban sós, cos remos, e unha pequena vela, e soamente cun termo de café, un pouco de pan (supoño que duro) e un anaco de presunto (non sei se de xamon ou panceta curada mais ben tamén supoño), e que chegaban a afastarse do barco nodriza ata 30 millas, ás veces ese barco levantaba do fondeo para achegarse os que estaban por sotavento, quedandolle máis lonxe os da outra banda incluso, e xa nin falar de canto había néboa que tiñan que guiarse polo repicar da campana do barco nodriza.

Canto máis moderna era a frota, e os armadores tiñan barcos máis grandes, con peores temporais saían faenar, pero os Doris eran os mesmos, contábanos que se lembraba dun día, que se lle din agora que lle dan un cofre cun millón de euros a cambio de repetir aquela xornada non a faría. A vida abordo era moi dura, que os que pescaran pouco iban logo para a bodega a salgar o peixe. A hixiene… a auga para ducharse víana unha vez cada catro meses, o retrete era unha caseta cun burato asentada na borda, e para durmir os catres ían no costado do barco, abaixo collía un, no medio dous, arriba tres… Tivo tres fillos, e ningún se dedicou ó mar, pero ó fin e ó cabo el se sinte orgulloso de sacares á súa familia adiante co que había nese momento. Agora nós temos a sorte de que os nosos barcos os usamos para actividades de lecer, pero sen nunca esquecer de onde vimos. Homes de ferro en barcos de madeira, como dicía o dito, pero tamén as súas mulleres soas cos fillos serían igual de fortes.

O Moliçeiro co convento de Santa Clara ó fondo

Como despedida e peche, tivo lugar o “almorço de encerramento”, onde despois dun menú tipico delicioso (non lle digas exquisito ó camarero en Portugal), houbo espazo para os agradecementos, agasallos e a entrega de premios da regata, con tódolos participantes e organizadores, e instándonos a que nas vindeiras edicións voltáramos, que de seguro así será.

Expedición CMS, ENCONTRO DE EMBARCAÇOIS TRADIÇIONAIS DE VILA DO CONDE 2024. Socios participantes, Santi, Lucía, Rubén e Mónica.

Fotos de: Santi, Lucía, Rubén, Mónica, Lois e Pedro

In:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *