Enrique Táboas, conservando a cultura mariñeira a través da cestería.

Nesta primeira edición da Festa Mariñeira, tivemos a fortuna de contar coa presenza do artesán cesteiro Enrique Táboas Padín (Sanxenxo, Pontevedra). Táboas contribuíu coa exhibición dun oficio estreitamente ligado ao mar, achegándonos a un fragmento esencial do noso patrimonio cultural e económico.

Cestas na praza do con, ca torre de San Sadurniño ó fondo.

Na Praza do Con, este experimentado cesteiro mostrou unha ampla colección de patelas para sardiñas e cestos de berberechos, demostrando a mestría e a habilidade necesarias para elaborar estas pezas únicas. As patelas eran uns cestos empregados como medida de volume estandarizada para a venda da pesca na lonxa, garantindo un comercio xusto e eficiente. Había dúas clases de patelas: unha pequena, coñecida como “patela de envasar” ou “quiñón”, utilizada para medir pequenas cantidades; e outra maior, equivalente a doce quiñóns, chamada “patela de caixón”, empregada para cantidades máis grandes.

Patela de envasar ou quiñón
Patela de envasar ou quiñón.
Patela de caixón
Patela de caixón.

Antes da invención das patelas, as caixas de madeira eran o estándar para o transporte e medida da pesca. Non obstante, estas caixas tiñan o inconveniente de ser máis pesadas, especialmente cando se mollaban, dificultando o seu manexo. Os cestos feitos con láminas de castiñeiro ou salgueiro representaron unha mellora significativa, pois podían mergullarse e drenar a auga sen aumentar o peso, facilitando así o traballo dos mariñeiros e vendedores.

Unha fotografía histórica exposta na cambadesa Nave de Peña, á que vos convidamos a observar na vosa próxima visita, ilustra claramente esta práctica tradicional. Nela, pódese ver a mulleres no porto de Cambados, tamén coñecido como porto da T ou porto do Martelo, lavando o peixe nas pozas que deixaba a marea baixa, a seca. Esta imaxe non só documenta un método de traballo, senón que tamén captura a esencia dun modo de vida que, grazas a persoas como Enrique Táboas, segue vivo na nosa memoria colectiva.

Fotografía da Nave de Peña na que se mostran mulleres lavando peixe na T de Cambados.

Expresamos o noso profundo agradecemento a Táboas pola súa presenza e pola súa inestimable contribución a manter viva esta parte do noso patrimonio mariñeiro. O seu traballo non só preserva as técnicas tradicionais, senón que tamén inspira ás novas xeracións a valorar e continuar estas prácticas ancestrais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *